Monday 29 de April de 2024

Un total de 200 persoas desempregadas da área de Bergantiños-Costa da Morte recibirán asesoramento, formación e prácticas a través dos Programas Integrados de Emprego impulsados pola Xunta


O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que se celebrarán dous cursos nos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 500.000 euros

A O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución dos Plans Integrados de Emprego para Concellos na comarca de Bergantiños-Costa da Morte. O PIE é unha iniciativa na que colaboran os concellos, e a Xunta para mellorar a formación das persoas desempregadas e para darlle máis opcións para atopar un emprego a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas.

O representante do goberno autonómico anunciou que na área de influencia de Bergantiños-Costa da Morte realizaranse dous PIE en A Laracha e en Cerceda, compartido con Trazo e Tordoia. Estes programas permitirán formar a 200 desempregados dos cales cando menos, un 35% lograrán inserirse no mercado laboral. Estes dous cursos suporán un investimento na comarca de 500.000 euros.

No conxunto da provincia a Xunta vai desenvolver, nesta nova convocatoria, un total de nove programas integrados grazas a un investimento que supera os 1,9 millóns e chegarán a 900 desempregados. Así, coa participación de 22 concellos a Xunta segue potenciando a colaboración con concellos para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Ovidio Rodeiro apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Entre os programas máis importantes da Xunta, que se desenvolven na contorna de Bergantiños-Costa da Morte, destacan os 26 cursos do Plan Galego de Formación 2018-2019 (AFD), que contarán cun investimento de 1 millón de euros e os 3 Obradoiros de Emprego que suman 651.446 euros. En total, se lle engadimos os dous PIE, a Xunta de Galicia investirá en plans de formación da comarca de Bergantiños-Costa da Morte máis de 2,1 millóns de euros.